Unha vintena de persoas realizaron unha visita espeleolóxica ás covas do Pico Sacro

Cedida.

Tratouse dunha iniciativa incluída no ciclo “Un mes e pico” que promove o Concello de Boqueixón. O alcalde, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, acompañaron ás primeiras persoas que realizan esta actividade.

“Era unha idea que tiñamos en mente todos dende o primeiro día que empezamos a facer este ciclo: a posibilidade de que a xente que o desexe poida baixar ás covas do Pico Sacro”, explica Fernández Munín, quen salienta que “son unhas visitas seguras, guiadas por instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía e que serven para poñer en valor o noso patrimonio e, sobre todo, o Pico Sacro”.

Ademais, o cumio do Pico Sacro recuperará a Cerimonia do Lume Sagrado. Será o 19 de xuño, ás 13:00 horas, coa actuación de Luz do Ilicinio e Raiola, da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). A participación é totalmente de balde, se ben é necesario anotarse previamente no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.

Ademais, o Concello de Boqueixón ofrece a posibilidade de deixarlles o vestiario axeitado para aquelas persoas que desexen participar na Cerimonia cos traxes tradicionais da época. Para iso, só é preciso indicalo no momento da inscrición na actividade.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha