Unha xornada de vento e choiva condicionou a maioría dos actos previstos para este domingo

2 minutes read

Facía moitas semanas que non se vivía unha xornada tan chuviosa na Costa da Morte. A maioría dos actos en marcha ou previstos para este domingo eran ao aire libre, polo que en case todos os casos o vento e a choiva acabaron condicionando a celebración e asistencia a moitos deles.

En Vimianzo tivéronse que aprazar as visitas teatralizadas de Os Quinquilláns ao Castelo. Ademais houbo varios accidentes de tráfico, posiblemente polo estado da estrada e a pouca visibilidade por mor da choiva, foi o caso de Carballo onde polo menos houbo dous, un en Rus cun ferido e outro no centro urbano con danos materiais. Tamén houbo unha colisión entre dúas furgonetas en Cabovilaño, A Laracha, con varios feridos.

As festas, que había moitas, como en Xoane, Erboedo, Baio ou a da Milagrosa en Carballo, viron minguada a asistencia de público polo mal tempo. En Carballo, mesmo se chegou a suspender a procesión e a macro sesión vermut estivo menos concorrida do habitual.


Berocasión tamén o notou, a feira do vehículo de ocasión contou con moita afluencia de xente e con moi boas vendas durante a xornada do xoves, venres e sobre todo o sábado, pero o domingo o público achegábase aos concesionarios e pronto se poñía a cuberto, a choiva e tamén o vento non daban tregua no exterior, que era onde se concentraban a maioría dos vehículos expostos na feira.

Parece que o mal tempo tampouco lle sentou ben ao equipo do Bergantiños FC que estreaba a tempada en As Eiroas, e aínda que realizou un bo partido, terminou perdendo por 1-2 ante o Ximnástica Torrelavega.

A auga da choiva fai moita falta, pero como é sabido, non sempre chove no momento oportuno nin a gusto de todos.

Imaxe dun dos concesionarios participantes en Berocasión este domingo, deslucido pola choiva.