Unha xuíza acusa a persoal de Alcoa e deputados galegos de «atentado á autoridade» nunha manifestación

1 minutes read

Traballadores de Alcoa, sindicalistas e varios deputados e ex-deputados galegos terán que declarar en calidade de investigados ante unha xuíza de instrución de Madrid acusados dun suposto delito de «atentado contra a autoridade» durante os disturbios acontecidos na protesta do pasado 28 de marzo diante do Congreso dos Deputados ante a ameaza de peche que pairaba sobre as factorías de aluminio da Coruña e Avilés.

Os daquela deputados de En Marea e actuais de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz; a ex-deputada Ángela Rodríguez; o presidente do comité de empresa da antiga Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho; e o secretario xeral da Federación de Industria de CCOO-Galicia, Víctor Ledo, son algunhas das persoas denunciadas pola policía que terán que sentar no banco dos acusados tras unha protesta que rematou con cargas por parte das forzas de seguridade. 

Dous traballadores da antiga Alcoa na Coruña afiliados a CCOO –un deles detido e liberado ás poucas horas naquela xornada–, un avogado e o parlamentario de Unidas Podemos, Rafa Mayoral, son as outras tres persoas que figuran entre os nove investigados pola titular do xulgado número 25 de Madrid, Raquel Robles.