Vimianzo pechou a Semana Santa cun éxito rotundo en todas as actividades turísticas programadas polo Concello para esas datas. Unhas 2.000 persoas se animaron a participar nas visitas guiadas e teatralizadas, así como nos paseos con historia, polo patrimonio municipal. Os e as visitantes tamén acudiron ao Castelo por libre, onde descubriron a mostra de artesanía en vivo.
«Vimianzo é un destino referencia», afirmou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen destacou «o rico patrimonio natural e cultural do que gozamos nas nosas terras, que atrae visitantes de toda Galicia e de fóra das súas fronteiras». A rexedora afirmou que o éxito da programación turística é tamén moi importante para o impulso da economía local.
Así pois, as persoas que se achegaron ata o Castelo de Vimianzo, descubriron as demostracións de tratado do liño, encaixe, maquetaxe de barcos, traballos en palla, artesanía de prata, vidro e barro e traballos en coiro e papel. Mónica Rodríguez agradeceu o papel que desempeñaron «os artesáns e artesás, que achegaron á veciñanza e aos visitantes a riqueza artística, cultural e histórica que contén Vimianzo dunha forma única».
Por outra banda, os e as visitantes que se aventuraron nas visitas guiadas e teatralizadas, así como nos paseos con historia, coñeceron de preto espazos coma o Castelo, batáns e muíños do Mosquetín, Castro das Barreiras e Cereixo. Actividades que acadaron o aforo completo, demostrando o enorme interese que xeran estas iniciativas entre a poboación.
Cabe sumar tamén ás persoas que desfrutaron do atractivo do patrimonio local por libre, seguindo rutas como a dos dolmens, Penedos da Pasarela, Vieiro Fidalgo, Muíños de Cambeda, Val de Vimianzo ou encoro da Fervenza.