Unidade por un mesmo fin, non a violencia de xénero

25N no CPI Ponte Carreira, en Frades

Este 25 de novembro a provincia da Coruña encheuse de actos de todo tipo que se levaron a cabo para reinvindicar este Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Algúns dos actos máis destacados foron nos concellos de Cerceda, Lousame, Frades, Brión ou Pontecesures, entre outros.

O Concello de Cerceda conmemorou o 25 de novembro coa lectura do Manifesto Institucional diante do Auditorio Municipal. Un centenar de escolares do municipio, ademais do alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e a concelleira de Igualdade, Catrina Queijo, acodiron, e repartiron flores lilás baixo o lema “Sempre Vivas”.

En Lousame, no mediodía do venres convocouse unha masiva concentración na praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro, integrantes do Club de Xubilados de Lousame, membros da asociación A Misela, traballadores municipais e representantes dos distintos partidos políticos municipais

A casa do concello de Frades acolleu unha concentración na que participaron traballadores e traballadoras municipais. A concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Álvarez Carro, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional, previo a un minuto de silencio en memoria das mulleres e crianzas asasinadas este ano vítimas da violencia de xénero e da violencia vicaria.

A praza do concello de Brión acolleu unha concentración onde a concelleira Rosa Romero foi a encargada da lectura do manifesto e puxo o foco da campaña “Brión a prol do #BoTrato” na prevención e sensibilización da causa. Alumnos do IES Brión deron lectura a dous poemas e presentaron creacións literarias tamén con motivo do 25N.

Por outra banda, dende Pontecesures entregou hoxe os primeiros 28 distintivos de locais comerciais seguros conta a violencia de xénero, cos que elaborará un mapa de puntos de seguridade con persoal formado nos protocolos a seguir e os recursos aos que acudir no caso de que se produza un episodio de violencia de xénero na zona.