Unidas Podemos celebra a resolución da alcaldía de Laxe de repoboar o monte  da Insua  

1 minutes read

Desde a agrupación de Unidas Podemos de Laxe afirman que defenderán en todo momento iniciativas como o «Proxecto Landras»,  no que vén colaborando o concello xunto o CPI Cabo de Area e a Asociación Contramínate,  así como outras actividades que repercutan na educación e na saúde do medio ambiente no municipio.  

O monte da Insua segundo consta no PXOM é un espazo especialmente sensible.  

A necesaria limpeza dos plásticos que proceden do antigo vertedoiro de lixo, o clareo do bosque, retirando un número considerable de pinos mortos e enfermos, son traballos pendentes de  realizar. «Esixiremos ao concello que aproveite a intervención do Distrito Forestal dependente da  Consellería de Medio Rural para executar estes traballos coa maior brevidade posible», afirman dende Podemos. 

«Compre planificar o coidado do bosque da Insua. Protexer un lugar de lecer visitado de cotío pola  veciñanza. A afluencia de turistas de paseo ó faro, o aparcamento de caravanas, a celebración de  botellóns e a instalación de tendas de campaña sen ningún control é habitual na temporada de  verán. Todo iso require que se contemple o uso deste espazo na ordenanza municipal.   A instalación de fontes de auga nos miradoiros, o control e a limpeza regular (botellas, vasos ,  deposicións, toalliñas hixiénicas,…) son necesarias e urxentes. Por outra banda a presenza de  persoas aumenta o perigo de incendios e a prevención é unha das funcións pola que  debe velar o goberno municipal», conclúen.