Dende a coalición de Unidas Podemos Laxe volven a poñer sobre a mesa o que definen como “falla de eficacia do equipo de goberno do Partido Popular de Laxe” por varias razóns.
Por unha banda, afirman que “fai unhas semanas o alumeado estivo encendido a plena luz do día, supostamente para traballos de mantemento. Algo asombroso, tendo en conta que o Concello paga a luz mediante ampliacións de crédito bancario varias veces ó ano, en lugar de instalar luces led para aforrar na factura, e levar a cabo dunha vez por todas as promesas electorais que teñen pendentes dende o mandato anterior”, apuntan.
Por outra banda, supoñen que o equipo de goberno está informado “da perigosidade de andar polo pobo á noite debido a familias de xabarís que andan con liberdade polas rúas. Xa é temible velos de lonxe, como para telos preto na escuridade na que ten sumido o PP de Laxe ó pobo. Treitos enteiros como a rúa Feliciano Pérez Alvite non conta con ningunha farola en funcionamento dende fai demasiados días, así como outras rúas con moitas delas apagadas, feito que tamén afecta a lugares das parroquias, como A Costa en Traba”, din.
Dende Unidas Podemos Laxe conclúen afirmando que “esta escuridade dificultou mesmo servizos de emerxencia que por desgraza se tiveron que facer de noite. Non consiste en sacar faltas ó non feito coma sempre, pois tivemos a deferencia de deixar semanas para que o alumeado fose arranxado. Pero ante a inoperancia do equipo de goberno, dende Unidas Podemos non nos queda outra que denunciar públicamente o seu proceder, dado que demostra que non é capaz de manter operativos os servizos municipais máis básicos, deixando ó Concello a escuras, afectando seriamente á seguridade da veciñanza”.