O concelleiro de Unidas Podemos en Laxe, Fernando Del Moral Regaldie, emitiu un comunicado no que mostra a súa disconformidade con algunhas das primeiras medidas aprobadas polo recentemente nomeado Goberno local laxense.
A primeira é respecto á periodicidade das sesións ordinarias, Podemos opúxose á proposta da alcaldía, considerando que o día máis axeitado para a celebración dos mesmos é o venres, en aras dunha maior participación cidadá. A maiores, a posición é ampliar a frecuencia dos mesmos a mensual, polo estado de decadencia no que se encontra o Concello, afirman, e porque «pola nosa parte, se non teñen puntos a tratar, proporcionarémolos nós de maneira que merezan esta frecuencia, e para tratar de evitar plenos extraordinarios que non son eficientes para a corporación pola falta de tempo para debatilos. A maiores consideramos que se a Xunta de Goberno Local ten unha periodicidade quincenal, fundamenta a nosa proposta», di Del Moral.
Respecto á composición das comisións informativas permanentes, «consideramos que ter un só representante do grupo mixto non ten sentido nun Concello que non chega ós 3000 habitantes. Acatamos a lei pero criticamos a falta de vontade política para a participación equitativa de todas as opcións presentes que coarta a nosa participación e resta protagonismo ós cidadáns representados por esas formacións».
En relación coa formación da Xunta de Goberno Local, «opoñémonos a que estean formados por concelleiros sen ningún tipo de dedicación no Concello, por incoherente e ineficaz, polo descoñecemento do que ocorre día a día no consistorio, sendo este organismo de gran responsabilidade. Estes tres concelleiros van percibir un mínimo de 450€ cada dous meses ós que se engadirán as asignacións da Comisión Informativa, das que non se detalla a frecuencia, e dos Plenos Extraordinarios e as dietas por desprazamento.
Con respecto ás concellerías con dedicación parcial ou exclusiva, Cultura (1142,86 € brutos mensuais en catorce pagas) e Obras (2285,72 € brutos mensuais en catorce pagas), vinte e cinco e corenta horas respectivamente, explicita un réxime de presenza efectiva nas oficinas, polo que nos opoñemos reclamando que sexa pública a información de dito horario de presencia no Concello e de atención ó cidadán.
En relación co Alcalde, non vai percibir asignación por ser incompatible coa pensión de xubilación, pero percibirá diñeiro por representación, dietas de desprazamento, etc, sen estar reflectido a contía final. E por isto que dende Unidas Podemos pensamos que a confección do traballo feito polo PP para o Concello está máis a satisfacer a economía dos integrantes do mesmo, que as necesidades dun Laxe en decadencia, conclúen dende a formación de Unidas Podemos Laxe.