A candidatura de Unidas Podemos en Laxe vén de manifestar o seu malestar ante o que o seu candidato, Fernando D.M. Regaldie, cualifica de “unha falta grave que atenta contra a promoción dos actos electorais e o pluralismo político”.
O motivo de esta queixa vén dado pola limitación dos locais públicos cara á súa utilización polas diferentes formacións políticas. En palabras de Fernando D.M. Regaldie, “reducir o uso de estes a partires das dez da noite é poñer trabas ós partidos que libremente queren expresar á cidadanía as súas propostas cara ó vindeiro 28 de maio. Unha verdadeira desfeita contra o exercicio do xogo democrático” xa que “non queda máis remedio que recorrer a instalacións privadas, existindo as que son de todas e todos os cidadáns”.
A maiores, «lamentamos que non existan medios por parte do Concello para ter lugares apropiados para a colocación dos carteis electorais, promovendo de esta maneira a falta de oportunidades e de igualdade para as distintas organizacións políticas. Por iso, dende Unidas Podemos Laxe consideramos esta falta de medios un auténtico atropelo contra o libre exercicio da expresión política en plena campaña», conclúe Regaldie.