Unión entre o Concello e o Colexio de Médicos de A Coruña para facer do casco histórico unha “zona cardioprotexida”

Fonte: santiagodecompostela.gal

  • Instalaríanse desfibriladores por varios puntos da zona, sobre todo tendo en conta a afluencia de xente que se espera en Santiago con motivo do ano Xacobeo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu este xoves ao presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e tamén ao seu vicepresidente primeiro, Francisco Javier de Toro, para falar de posibles colaboracións entre as institucións.

No encontro destacaron dous proxectos principais: converter o casco histórico de Santiago nunha “zona cardioprotexida” e impulsar un plan para mellorar a información da mocidade en torno ás enfermidades de transmisión sexual.

A primeira das propostas, segundo explicou Luciano Vidán, pasaría por habilitar recursos e persoas formadas para converter o casco histórico nunha “zona cardioprotexida”, instalando desfibriladores, sobre todo arredor da Catredal, e formando á xente para a súa utilización, tendo en conta a afluencia de visitantes que recibirá Santiago polo ano Xacobeo.

A outra proposta do Colexio é a de promover unha mellor información entre a mocidade de Compostela sobre as enfermidades de transmisión sexual. Tanto Luciano Vidán como Francisco Javier de Toro expresaron a súa preocupación por cifras “alarmantes”, que sitúan a cidade en “datos de hai 20 anos”. Atribúen o incremento destas enfermidades entre os máis novos ao “acceso temperán á pornografía a través de internet”.

O Colexio ten en marcha unha aplicación Android denominada Risco Cero, que ofrece “información veraz e sinxela” sobre sexualidade segura, explicou o seu presidente.

O rexedor tamén se comprometeu a buscar vías de colaboración, a través fundamentalmente dos centros socioculturais, para realizar charlas, conferencias e outras actividades que permitan reforzar a información para a mocidade nesta materia.