A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á fase clasificatoria na categoría de Universidade do programa Parlamento Xove. Unha decena de equipos —seis do campus de Santiago de Compostela, tres do campus de Vigo e un do campus da Coruña— formados por un total de 37 universitarios déronse cita dende este venres na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño.
O tema de debate que afrontaron os equipos é o seguinte: ‘Está preparado o Estado do benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’. Tiveron que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra, coa dificultade de que soamente cinco minutos antes de cada debate soubo cada equipo da postura a adoptar.
Esta é a terceira fase clasificatoria que se celebra nesta nova edición de Parlamento Xove. Con anterioridade desenvolvéronse, tamén nas instalacións da Residencia de Tempo Libre do Carballiño, a de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e a de Bacharelato.