Uns 60.000 alumnos galegos poderán beneficiarse da nova desgravación fiscal do gasto en libros e material escolar

A medida enmárcase no compromiso da Xunta “en seguir ampliando o apoio ás familias con fillos en idade escolar” logo de implantar a gratuidade desde a escola infantil ata rematar a carreira e con axudas que permiten que “o 70% do alumnado de etapas obrigatorias” reciba algunha achega para os gastos de mercar manuais ou material, matizou o presidente Rueda. 

O Consello da Xunta analizou este luns un informe sobre a implantación desta nova medida fiscal pola que as familias galegas poderán desgravar ata 105€ por fillo. A iniciativa, que xa foi comprometida no Debate sobre política xeral, permitirá “un aforro de 6,3 M€” aos fogares galegos.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, indicou que a nova medida fiscal vai dirixida ás familias con rendas anuais per cápita superiores a 10.000€ e ata 30.000€, con fillos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, que na actualidade non se acollen ás axudas para libros de texto e material. 

Cada familia poderá desgravarse ata un 15% do gasto ata un máximo de 105€ por fillo. A porcentaxe do 15% aplicarase sobre o importe das facturas correspondentes ás compras de libros ou material escolar para o curso 2025/2026 realizadas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025.

A desgravación no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas realizarase na declaración da renda do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, Román Rodríguez indicou que “a Xunta a incluirá na Lei de medidas do ano 2026 con efectos para o ano 2025”. 

Related posts

Medio Rural reforza a súa coordinación coa UME na loita contra os incendios forestais

UCIN Galicia propón un plan urxente para reforzar os PAC sen recortes e garantir a sanidade no rural

Falece o condutor dun vehículo tras unha saída de vía en San Cibrao das Viñas