A presenza en Ucraína este sábado de líderes occidentais, encabezados pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, para mostrar o seu apoio, non enmascara esta situación: a axuda estadounidense está bloqueada polos rivais republicanos do presidente demócrata Joe Biden, e a dos europeos quedouse atrás.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, eloxiou a “extraordinaria resistencia do pobo ucraíno” á súa chegada a Kiev, dous anos despois do inicio da invasión rusa a gran escala de Ucraína. “Máis que nunca apoiamos firmemente a Ucraína: financeiramente, economicamente, militarmente, moralmente. Ata que o país sexa finalmente libre”, matizou.
Mentres, o Reino Unido anunciou este sábado unha dotación de 245 millóns de libras esterlinas (287 millóns de euros). Esta axuda ten como obxectivo “revitalizar as cadeas de subministración para producir a munición de artillería que Ucraína necesita urxentemente para aumentar as súas reservas”, indicaba nun comunicado o Ministerio de Defensa británico.