Urxen melloras de seguridade viaria na estrada Betanzos-Abegondo


O Concello de Betanzos volverá dirixirse á Xunta para reclamarlle melloras na estrada que une a vila con Abegondo despois de que se producise un novo accidente con importantes danos materiais. A situación puido ser peor se nese momento algún peón ou peoa transitase polo tramo de beirarrúa invadido polo coche do accidente.

Dende o goberno local queren poñer de manifesto de novo a necesidade de tomar medidas que incrementen a seguridade dunha estrada na que existen puntos perigosos en varios tramos. Estas melloras xa foron reclamadas en varias ocasións polo Concello, a última este pasado verán.

Con motivo desa petición a Xunta volveu a trasladarlle ao Concello a súa negativa a declarar travesía urbana a estrada que une Betanzos con Abegondo ao seu paso por Guiliade a pesar de que o Concello considera que un tramo netamente urbano, con vivendas por ambas marxes é, polo tanto, é necesario reducir a velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h. O Concello considera que a contestación recibida en agosto pola da Xunta “non se axusta a realidade” actual e que era necesario tomar medidas antes de que se produza calquera desgraza como puido ocorrer esta pasada fin de semana.