Urxencias Sanitarias 061 pide extremar as precaucións para previr accidentes de tractor

1 minutes read

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide extremar as precaucións para previr os accidentes de tractor e vehículos similares durante a realización de tarefas agrícolas. Os sinistros provocados por carencias técnicas ou do mantemento do vehículo, condicións meteorolóxicas e do terreo adversas ou posibles imprudencias da persoa que conduce, entre outras, converten os accidentes de tractor en unha das principais causas de sinistralidade e mortalidade no campo. Ao anterior súmase o numeroso parque móbil no rural e a elevada idade das persoas que realizan tarefas agrícolas que contribúen a aumentar os accidentes causados por estes vehículos e similares.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste período do ano no que aumentan as horas de sol e os días son máis longos, quere lembrar a importancia de cumprir coas medidas de seguridade na condución de tractores. Estas medidas baséanse, principalmente, en respectar as normas de circulación, manter unha velocidade axeitada e cumprir coa sinalización da máquina durante o día e a noite. Ademais, é necesario que o vehículo dispoña dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e se manteñan en bo estado. Tamén, resulta imprescindible que o número de pasaxeiros non supere ao indicado polo fabricante do vehículo.