A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acolle unha Xornada de Portas Abertas para asociacións de pacientes, con patoloxías crónicas susceptibles de descompensarse e causar risco vital, con motivo da celebración da Semana da Administración Aberta. Este acto, que se celebra a nivel mundial, ten lugar en 76 países e implica a máis de 150 gobernos nacionais e rexionais.
A Semana da Administración Aberta constitúe unha iniciativa impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) co obxectivo de achegar as administracións públicas á cidadanía. Trata de dar a coñecer os principios nos que se sustenta o Goberno Aberto, é dicir, a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.
Neste ano 2023, desde a Consellería de Facenda e Administración Pública decidiuse organizar unha Xornada de Portas Abertas na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para achegar á cidadanía o funcionamento do servizo sanitario máis valorado polos seus usuarios na Comunidade Autónoma. Na visita participaron 22 persoas, membros da Asociación de Enfermos de Glicoxenose, Asociación Diabética Auria e Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas.