USO alerta do agravamento do desemprego na Costa da Morte: máis de 5.000 persoas no paro

3 minutes read

Segundo os datos máis recentes feitos públicos polos servizos públicos de emprego, a Costa da Morte inicia o ano 2026 con arredor de 5.000 persoas desempregadas, das cales máis de 3.000 son mulleres, o que supón máis do 60 % do total do paro rexistrado na comarca. Para USO, estas cifras non poden ser tratadas como un feito puntual nin atribuídas unicamente á estacionalidade.

A evolución do desemprego nos últimos meses amosa unha tendencia negativa continuada, con incrementos sucesivos do paro desde o verán pasado. Esta realidade evidencia que o mercado laboral da Costa da Morte segue a depender en exceso de sectores altamente estacionais e precarios, como o turismo e determinados servizos, sen que existan políticas eficaces de diversificación económica nin de creación de emprego estable.

Desigualdade territorial e concentración do paro

USO alerta tamén da desigualdade entre concellos, xa que unha parte moi significativa do desemprego concéntrase nos municipios con maior poboación e actividade económica, como Carballo, pero sen que iso implique mellores oportunidades laborais nin empregos de maior calidade. Nos concellos máis pequenos, pola contra, o paro convértese nun factor de expulsión de poboación, especialmente de xente nova.

Esta situación está a provocar un envellecemento progresivo da comarca, a perda de talento e a emigración forzada, xerando un círculo vicioso que dificulta aínda máis a recuperación económica e social da Costa da Morte.

A fenda de xénero: unha emerxencia laboral

Un dos datos máis alarmantes para USO é a clara feminización do desemprego. As mulleres continúan sendo as máis afectadas pola falta de oportunidades laborais, pola parcialidade involuntaria, pola temporalidade e polos baixos salarios. A ausencia de políticas reais de conciliación e a precariedade do emprego feminino fan que moitas mulleres queden atrapadas no desemprego ou en traballos sen estabilidade nin dereitos.

Para USO, esta realidade non é nova, pero resulta especialmente grave que ano tras ano se repita sen unha resposta contundente por parte das administracións.

Falta de políticas activas de emprego eficaces

A organización sindical denuncia a ineficacia das políticas activas de emprego aplicadas na comarca, baseadas maioritariamente en plans temporais, subvencións de curto percorrido e programas que non xeran emprego estable nin melloran as condicións laborais.

USO considera imprescindible un cambio de rumbo que pase por:

  • Un plan comarcal de emprego estable, adaptado á realidade da Costa da Morte.
  • Medidas específicas para combater o desemprego feminino e a precariedade laboral.
  • Apoio real á industria, ao sector primario e ás actividades con capacidade de xerar emprego sostible durante todo o ano.
  • Investimento en formación ligada a postos de traballo reais e non a estatísticas maquilladas.

Un chamamento ás administracións

Desde USO esíxese ás administracións autonómica e local que deixen de conformarse cos datos globais e actúen con responsabilidade, poñendo ás persoas traballadoras no centro das políticas públicas.

«A Costa da Morte non pode resignarse a vivir permanentemente do emprego precario e estacional. Falamos de miles de persoas, de familias enteiras e dun futuro que está en xogo. Sen emprego digno non hai cohesión social nin futuro para a comarca», sinalan desde USO.

A Unión Sindical Obrera anuncia que continuará vixiando a evolución do emprego na Costa da Morte prestase a colaborar con administración e asociacions para traballar en foros donde intenten activar políticas reais e eficaces de emprego digno, estable e con dereitos.