Uso seguro da maquinaria e prevención ante a velutina, riscos a ter en conta na actividade forestal

1 minutes read

O grupo de traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para a prevención de riscos laborais no sector forestal vén de celebrar en Santiago de Compostela unha nova xuntanza para actualizar a abordaxe da sinistralidade no desempeño de traballos no monte.

Na reunión, presidida pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, anunciouse a posta a dispor das empresas de ferramentas informativas sobre o uso seguro e con distancia de maquinaria nas explotacións como as colleitadoras, motoserras ou autocargadores. Tamén se avanzou na activación de campañas de promoción do uso seguro do tractor para evitar o seu volteo.

Nesta época en concreto, reforzaranse as mensaxes sobre o perigo que ocasiona a vespa velutina, á que o Issga dedicará unha campaña específica que levará carteis ad hoc ás empresas do sector.

Tal e como se destacou, cómpre traballar para mellorar a prevención de riscos laborais neste sector, tendo en conta que existen diferentes factores que inciden no risco das actividades desenvolvidas no monte, como son o uso de maquinaria, a propia percepción do risco, a complexidade na planificación dos traballos ou a coincidencia de varias empresas traballando no mesmo espazo.