Usuarios de Agadea Alzhéimer visitan Pontecesures

Visita pontecesures

O Concello de Pontecesures recibiu este xoves a visita dunha vintena de persoas usuarias dos centros de Agadea Alzhéimer de A Estrada e Santiago, que están a facer o Camiño de Santiago pola ruta do Mar de Arousa-Río Ulla. A expedición, dunhas vinte persoas usuarias do centros de A Estrada e Santiago, foi recibida na casa do concello polo alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, acompañado da concelleira de Educación, Laura Villar.

Déronlles a benvida a Pontecesures e explicáronlles brevemente a historia do municipio antes de guialos durante unha visita aos puntos de maior interese e máis próximos á casa consistorial tales como a Plazuela, a praza de Abastos, a casa da Lamprea, a zona portuaria, a ponte romana e o fito xacobeo. Unha viaxe na que coincidiron con distintos grupos de peregrinos, cos que intercambiaron impresións e mesmo camisetas da asociación.

Obradoiro Carlos Maside

Tras coñecer a riqueza patrimonial da vila, a expedición desprazouse ata o CPI de Pontecesures, onde participaron nun obradoiro de pintura sobre Carlos Maside, xunto a outra vintena de nenos e nenas de 6º de Primaria. Tras unha introdución ao pintor nado no municipio, así como a outras figuras como Castelao ou Picasso, nenos e maiores compartiron unha clase de iniciación á pintura, onde aprenderon a debuxar caras humanas.

Un divertido intercambio de experiencias entre persoas maiores e a xente nova de Pontecesures na que foi a terceira etapa na peregrinación de Agadea Alzhéimer, unha iniciativa incluída no proxecto “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. A asociación entregou camisetas conmemorativas ao alcalde, á concelleira e a toda a rapazada que participou no obradoiro.