O ransomware, en informática, é un tipo de malware ou código malicioso que impide a utilización dos equipos ou sistemas que infecta. O ciberdelincuente toma control do equipo ou sistema infectado e “secuéstrao” de varias maneiras, cifrando a información, bloqueando a pantalla, etc. O usuario é vítima dunha extorsión, normalmente pídeselle un rescate económico a cambio de recuperar o normal funcionamento do dispositivo ou sistema. En definitiva, os ransomware utilízanse para obter un beneficio económico mediante a extorsión das súas vítimas.
Esta foi a vía utilizada polos delincuentes informáticos para perpetrar o ciberataque ao Concello de Carballo na madrugada do mércores. Dende o primeiro momento, expertos da Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e de varias empresas, en coordinación co informático municipal, están a traballar as 24 horas do día para intentar restablecer os servizos canto antes pero, sobre todo, coa máxima seguridade.
Despois de habilitar un equipo para o padrón municipal e outro para o rexistro na xornada do xoves, este venres empezaron a funcionar outros sete postos que permiten seguir ampliando os servizos de atención ao público, e a partir do martes seguiranse instalando novos equipos nos diferentes departamentos. Así mesmo, este venres quedou todo preparado para o sorteo electrónico das mesas electorais, que se celebrará no pleno extraordinario convocado para o martes 2 ás 14.00 horas.
A empresa encargada da copia de seguridade confirmou que puido recuperarse toda a información existente ata as 10.00 horas do día 25, polo que, tan pronto como se realice o envío, coas debidas medidas de seguridade, poderá empezar a ser utilizada nas diferentes áreas municipais.