A vacina contra a COVID será obrigatoria para algúns profesionais en Alemaña como o persoal médico ou en contacto con persoas vulnerables. O resto da poboación sufrirá restricións se non se vacina. A chanceler saínte, Angela Merkel, e os xefes dos estados federados acordaron que cando se superen certos niveis de incidencia e hospitalización as persoas non vacinadas non poderán acudir a cafés, eventos, restaurantes e estadios, entre outros. Merkel anunciou tamén que todo o mundo poderá recibir unha vacina de reforzo como tarde seis meses despois de recibir a segunda dose. E prometeu unha prima para o persoal de enfermería, sector no que o Goberno federal iniciará a vacinación obrigatoria. Con estas medidas as autoridades esperan frear a curva de contaxios e evitar un novo confinamento.