A Consellería do Mar relanzou a campaña Vai de peixe, destinada a impulsar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre as mozas e mozos de 18 a 35 anos -os coñecidos como xeración millennial– a través das redes sociais, a principal canle de comunicación desta franxa de idade. Así, nun acto celebrado no Centro de Investigacións Biolóxicas (Cibus) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou a importancia desta iniciativa á hora de promocionar os produtos do complexo mar-industria de Galicia e axudar a crear hábitos de vida saudables a través do seu consumo.
Pola súa banda, o titular de Sanidade en funcións destacou que esta iniciativa se aliña coas que está a desenvolver a Dirección Xeral de Saúde Pública para promover os hábitos de vida saudables entre a poboación moza galega, como é o caso de Xanela aberta á familia.
O acto contou coa presenza dalgúns destes protagonistas como a propia presentadora, a actriz María Mera; o cómico Xurxo Carreño; e as influencers Patricia García (@Donkeycool) e Fanny Pena (@Engaliciamorate).
Ao relanzamento da campaña tamén asistiron importantes representantes da gastronomía e da sanidade galegas. A chef Lucía Freitas, que conta cunha estrela Michelín no seu restaurante A Tafona, e o cardiólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Guillermo Aldama, puxeron en valor a calidade dos peixes e mariscos galegos e os seus beneficios para unha alimentación equilibrada e sostible.