A Xunta de Galicia licitou a contratación dun servizo específico de estimulación terapéutica para persoas con alzhéimer e outras enfermidades neurodexerativas no concello de Val do Dubra. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou no municipio as características que terá esta futura unidade, que contará con 10 prazas. No acto estivo acompañado do alcalde, José Manuel Varela.
Esta unidade funcionará cunha intensidade de 45 horas mensuais por usuario e será organizada pola entidade que resulte adxudicataria en horario de mañá ou tarde. A duración inicial do contrato será de dous anos, prorrogable ata un máximo de cinco, e o orzamento de licitación é de 108.174 euros.
Antón Acevedo destacou a importancia que teñen estas unidades especializadas para manter as habilidades, coñecementos e condutas que aínda posúen as persoas diagnósticas de alzhéimer. Con esta finalidade, os profesionais destes servizos levan a cabo cos usuarios actividades de estimulación cognitiva, terapia ocupacional, atención psicolóxica e logopedia, entre outras.
Esta unidade de Val do Dubra unirase, cando entre en funcionamento, ás outras sete que ten actualmente en funcionamento a Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, Ourense, A Estrada, Marín, Tui, Moraña e Mos.