Val do Dubra estudará vías de colaboración coa Xunta en materia urbanística e de rehabilitación


O alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, mantivo unha xuntanza telemática coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na que explicou que o Concello traballa nun proxecto que podería encaixar nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa a través do cal a Xunta leva máis dunha década colaborando coas entidades locais na execución dun total de 317 intervencións urbanísticas cun investimento de case 150 millóns de euros co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez confirmoulle ao rexedor que o seu departamento seguirá apostando por esta liña de colaboración cos concellos e indicou que nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns a actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Así, unha parte destes fondos destinarase a financiar proxectos a través de convenios no marco do Plan Hurbe, e a outra, á convocatoria dunha orde de axudas para crear ou mellorar as infraestruturas en concellos con menos de 20.000 habitantes, axudas que, segundo adiantou, sairán publicadas este mes de marzo cunha dotación de 2,3 millóns.