Valdoviño contará con 5,5 km de senda peonil

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou que o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no que a Xunta está a investir máis de 800.000 euros, estará á disposición dos veciños este mesmo ano e permitirá contar cun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, supervisou o avance das obras que está a executar a Xunta pola marxe dereita da estrada AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás.

Trátase de habilitar 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación, en palabras da conselleira, “importante para Valdoviño e para os seus veciños, para facer máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.

A conselleira referiuse aos traballos que xa están executados nun treito de senda en Meirás, desde onde se atopa a panadería cara a Lago, e ás actuacións de saneamento e drenaxe necesarias que están a levar a cabo nestes momentos.

Destacou que a nova senda completará un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño. Coas novas sendas que se están a executar, e tendo en conta as beirarrúas existentes, quedará conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.