As obras de demolición do antigo bar Siroco arrancaron en Valdoviño. Así, o edificio ruinoso situado no acceso principal á praia da Frouxeira comeza a desaparecer do horizonte do areal.
Tras uns primeiros días nos que a empresa contratada polo Concello realizaba tarefas de retirada de elementos de fachadas e cuberta, especialmente planchas de uralita que requiriron de equipos especiais de eliminación de amianto.
Ata a zona, desprazábanse o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, para seguir de preto os traballos e abordar a colaboración entre ambas administracións nas tarefas de rexeneración do espazo que ocupaba o Siroco.
A intención do Concello será agora incorporar a parcela ao sistema xeral viario, aproveitándoa para mellorar a conexión peonil entre as dúas vías que conflúen neste punto, conectando así as beirarrúas de Aldea A Lagoa e da estrada da praia. Unha medida que permitirá optimizar a seguridade viaria na contorna do areal, cun intenso fluxo de vehículos durante o verán e, practicamente, todo o ano.
Formoso e González destacaron a importancia do derribo do edificio para eliminar o feísmo e mellorar a estética do principal acceso a un dos areais máis visitados da comarca e anunciaron colaboración para acometer esa conexión peonil que conectará ambos viais.