Valentín G. Formoso recrimínalle a Feijóo que estea ‘obsesionado con ser o primeiro en todo’

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntou que “a política de confrontación co goberno pola pandemia non é a forma na que os galegos e as galegas queren que se lles represente”. Así o dixo despois das críticas de Feijóo tras a conferencia de presidentes deste mércores.

Afeoulle que estea “obsesionado con ser o primeiro en todo, ser permanentemente o primeiro da clase e poñendo deberes ás outras administracións”. Sinalou que “nunha cuestión de Estado como a pandemia o criterio non é político, senón que é científico”, igual que os socialista galegos respectan o criterio científico sobre o que a Xunta basea as súas decisións cando emanan do comité clínico.

Deste xeito, Formoso reclamoulle “respectar o criterio científico sobre o que o Ministerio de Sanidade basea as súas decisións”, e sinalou que “o problema para a xente non é a mascarilla, non vexo a ninguén discutindo por iso e non debe ser unha cuestión de país”. Puntualizou que, nas decisións sobre a xestión da pandemia, “a política ten como misión dotar de tódolos medios e recursos aos científicos para que poidan atacar á pandemia co seu criterio e coñecemento”.