Valentín González Formoso presenta unha “nova etapa” no PSdeG


O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, abriu este martes o 14 Congreso do partido, que se celebrou en Santiago de Compostela, chamando a abrir unha “nova etapa” baseada nos principios da “unidade, a lealdade, o progresismo, a socialdemocracia e o galeguismo”. González Formoso interveu no acto inaugural que abriu o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, e no que participaron os expresidentes Laxe e Touriño.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE emprazou a deixar as discrepancias internas a un lado para “estar unidos e unidas para dar o mellor de nós mesmos, como dignos herdeiros dos socialistas que nos precederon” e situar aos socialistas galegos no camiño de “aspirar a gañar as eleccións en Galicia”. Reivindicou unha etapa que agora se abre de “catro anos nos que o noso obxectivo será mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Reclamou apartar as “liortas internas” para “non brindarlle as nosas diferenzas a unha dereita e un Feijóo que no peor momento escolleu o papel de líder da oposición ao goberno do Estado”, así como a “ese nacionalismo que se deita unha noite sendo amable e levántase ao día seguinte proclamando a república independente de Galicia”.

Apelou a “sacar o mellor de nós mesmos, conscientes da altísima responsabilidade que supón gobernar Galicia” e reclamou “non resignarnos a que Galicia sexa territorio do PP, porque Galicia non é de nadie, é de quen a atenda, a entenda e quen a defenda”. Asegurou que “aspiramos a gañar as eleccións en Galicia sen dramatismos, sendo leais dende a oposición e establecendo unha alternativa á política destrutiva do PP”.

O novo líder dos socialistas galegos sinalou que “para iso non sobra ninguén, todo o mundo ten un papel e ten valía”, polo que anunciou unha nova etapa de “agromar talento do PSdeG” e “abrir esta casa para captar á inmensa maioría social que quere ver un país mellor”. Así o dixo logo de recoñecer o traballo do anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, con quen recoñeceu “discrepancias políticas, pero nunca persoais”.

Engadiu que “as maiores cotas de benestar social acádanse cando gobernamos nas institucións”, e puxo como exemplo que “se o goberno de Sánchez non existira, hoxe non habería o maior paraugas social” da historia para protexer á cidadanía fronte á crise derivada da covid.