Valentín González Formoso, reelixido presidente da Deputación da Coruña


Valentín González Formoso foi reelexido este luns presidente da Deputación da Coruña cos 17 votos que suman os grupos provinciais do PSdeG-PSOE (11 deputados/as), BNG (4), Marea Atlántica (1) e Alternativa dos Veciños (1), fronte aos 14 obtidos pola candidata do Partido Popular, Rosa Gallego Neira, no pleno extraordinario de constitución da nova corporación.

No seu discurso de investidura, Formoso agradeceu os apoios recibidos para renovar un cargo que asume con “humildade e orgullo” e “coa ilusión do primeiro día”, pero sobre todo “coa enorme responsabilidade de seguir gobernando unha provincia que é o motor social, cultural e económico de Galicia”.

“Seguirán atopando en min a un presidente co seu despacho sempre aberto, con disposición permanente ao diálogo e o consenso, como sempre temos feito nesta Deputación, e sempre con bós resultados”, afirmou o presidente, que se comprometeu a liderar “un goberno provincial que pense nas próximas xeracións, non nas próximas eleccións, e que teña os pés ben asentados na terra e a mirada no horizonte”.

Valentín González Formoso destacou que a Deputación é “unha institución bicentenaria, que ten sido testemuña privilexiada dos avatares da nosa historia” e invitou a unha reflexión “sobre o reto apaixoante e o avance democrático que suporía a elección directa pola cidadanía dos seus representantes nas corporacións provinciais”

Neste sentido, apuntou que “presidir a Deputación da Coruña nos últimos catro anos deume a oportunidade de coñecer mellor esta provincia e valorar o seu enorme potencial”, polo que se comprometeu a “seguir percorrendo as estradas e os camiños, escoitando aos alcaldes e alcaldesas e aos seus veciños” e supervisando os numerosos servizos e infraestruturas impulsados pola Deputación “que chegan ata o último recuncho do noso territorio e axudan a mellorar a vida das persoas”.