Juan Carlos Valerón non continuará no Deportivo como adestrador do Fabril. O club branquiazul anunciou este mércores que o canario se marcha despois de “solicitar a rescisión anticipada do seu contrato por motivos persoais. O club, en atención ao carácter da petición e vindo dunha persoa e profesional exemplar como é o caso de Juan Carlos, accedeu á mesma dando todas as facilidades para que se poida resolver o contrato de forma inmediata nos mellores termos para ambos”. Tanto Valerón como o Deportivo deciden separar os seus camiños, pero o propio club apunta que espera que isto só sexa un ata logo. “O Deportivo quere agradecer a Juan Carlos Valerón o seu traballo nesta segunda etapa, neste caso como adestrador dirixindo ao filial, deixándolle as portas sempre abertas da que é, por méritos propios, a súa casa e desexándolle o mellor no seu futuro profesional e, sobre todo, persoal”.