Validadas case 13.000 solicitudes das tarxetas “Sempre Carballo”

Tarxeta "Sempre Carballo"

  • A semana pasada comezou o envío a domicilio das tarxetas, 1.000 ao día, xunto cunha carta informativa

No primeiro mes da campaña “Sempre Carballo” foron validadas un total de 12.995 das 13.322 solicitudes recibidas. Segundo o balance elaborado polo equipo técnico encargado do programa, 28 foron denegadas por non acadar a persoa solicitante a idade mínima de 18 anos, 65 por non figurar non padrón municipal de habitantes e 44 por estar duplicadas. As outras 190 están pendentes da modificación ou comprobación de datos.

O prazo para tramitar as solicitudes segue aberto ata o 15 de novembro, e desde a semana pasada comezaron a chegar aos domicilios as primeiras tarxetas, a razón de 1.000 ao día, xunto cunha carta informativa na que se inclúen as instrucións para activalas e tamén as claves persoais.

Esta tarxeta, que ten un saldo de 30 euros para consumir ata o 30 de novembro, entregarase de balde a todas as persoas maiores de idade e con residencia no concello de Carballo (a data de empadroamento debe ser anterior ao 31 de xullo deste ano) que a soliciten.