Varias agrupacións de Protección Civil reciben diverso material para realizar as súas funcións


A Deputación da Coruña adquire scooters, bicicletas e equipos de comunicación para repartir entre as distintas agrupacións da provincia. Na Costa da Morte cabe destacar a adquisición de scooters para a agrupación de Vimianzo, A Laracha e Muxía. Dumbría recibirá unha bicicleta e Carballo un lote de equipos de comunicación. Este lote foi o que máis solicitudes xerou e, por contar con menor puntuación, están nesta lista de reserva pendentes da adxudicación definitiva as agrupacións de Zas e Coristanco.

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, destacou que se trata da primeira vez que se convoca este programa, “que se adapta ao que a Agrupación Provincial de Protección Civil e as agrupacións locais nos solicitaron nas distintas reunións que mantivemos”. Tamén destacou a importancia do traballo das agrupacións de Protección Civil na provincia e lembrou que, ademáis destas axudas para adquirir material, disporán tamén dunha de liña de axudas específica para financiar as súas actividades.