Varias denuncias paralizan as sondaxes mineiras en Castriz, Santa Comba


O 15 de xuño dábase a voz de alerta sobre a actividade ilegal da empresa mercantil Corcel Minerals SL que a través da súa matriz Eurobattery Minerals AB, anunciaba na súa páxina web que ía iniciar unha nova campaña de sondaxes.
Foi entón cando se presentaron sendas denuncias diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Consellería de Industria, concellos afectados, Policía Autonómica e Seprona da Garda Civil, solicitando a paralización inmediata dos referidos sondaxes, por tratarse de actividades que carecen das preceptivas autorizacións mineira, ambiental e urbanística, e o inicio dos correspondentes procedementos sancionadores contra os infractores.


Sinalábase ademáis que as sondaxes estábanse facendo nunha zona de “especial valor e alta singularidade ecolóxica”: a zona húmida Braña da Serra. Tamén que ao tratarse de sondaxes inclinadas, poderían afectar a acuíferos e reservas freáticas de auga e da existencia de fontes que fornecen de auga a nove familias do lugar a pouco máis de un quilómetro de distancia.
As asociaciacións Petón do Lobo, Coluna Sanfins, Sindicato Labrego Galego Comisións Labregas, BerXallas, Minaría Destrutiva Non, colectivos que forman parte de Contraminacción, rede contra a minaría destrutiva de Galiza, afirman que “é indignante que teñan que ser a veciñanza e ás asociacións quen fagan a labor de vixilancia da legalidade que lle corresponde tanto aos concellos coma á administración autonómica”.

Agora, o xefe do Servizo de Enerxía e Minas da Delegación Territorial da Coruña informou que se iniciou o correspondente expediente sancionador e ratificou a suspensión dos traballos acordada in situ, como consecuencia da visita de inspección realizada o pasado 16 de xuño polos servizos técnicos desta Xefatura Territorial.