Varias Entidades impulsan desde Cee unha Iniciativa de humanización e mellora da atención integral ao paciente con TEA

2 minutes read

A Asociación Paseniño, Plataforma «Reiseñores» NEE/NEAE Costa da Morte, Asociación Aspadex e o Servizo de Atención Temperá (SAT) veñen de presentar conxuntamente e mediante rexistro de entrada no Hospital Público Virxe da Xunqueira e nas oficinas do Concello de Cee un escrito dirixido á Directora de Distrito Sanitario de Cee ás distintas administracións da Area Sanitaria Coruña-Cee e á Consellería de Política Social e Igualdade para impulsar a implantación dunha Iniciativa de Humanización e Mellora da Atención Integral ao Paciente con TEA

Desde os colectivos e as entidades implicadas, pensan, e están convencidos, que humanizar o sistema sanitario implica adaptar a mirada á realidade diversa de cada paciente. 

Conscientes do desafío sensorial e cognitivo que supón para as persoas autistas a contorna hospitalarias e atendendo ás numerosas demandas e problemáticas que as familias nos foron comunicando ao longo do tempo como usuarias do sistema sanitario viron a necesidade de presentar unha iniciativa pioneira de Atención Integral ao paciente con TEA (Trastorno do Espectro Autista). 

Un proxecto deseñado para que o Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira sexa un referente en inclusión, asegurando unha mellora na accesibilidade cognitiva e un acompañamento profesional de referencia.  

As entidades que traballan para mellorar a calidade de vida de persoas con diversidade en Costa da Morte, expuxeron ao Servizo de Pediatría do centro hospitalario a necesidade de realizar, no ámbito sanitario, adaptacións específicas e melloras asistenciais para as persoas autistas. 

Atendendo as súas necesidades, realizouse un plan de acción con dez puntos de actuación. Un decálogo destinado a ser un código de boas prácticas no momento da asistencia sanitaria.

Desde as asociacións implicadas agardan unha boa acollida do proxecto e comunican a súa total disposición para expor con detalle este ilusionante e pioneiro proxecto ás diferentes administracións do ámbito sanitario, xerencias, consellería, alcaldías e demais entidades interesadas para que este modelo de atención ás persoas autistas sexa un primeiro paso para acadar unha atención sanitaria máis adaptada e inclusiva para todos e todas.