- Consideran discriminatoria unha situación na que outros menores teñen acceso ao comedor do seu centro de referencia mentres os seus fillos quedan sen unha opción real.
Varias familias de Carballo, con fillos e fillas escolarizados no CEIP Bergantiños, reclaman unha solución ante a denegación de prazas de comedor escolar para o curso 2026/2027.
O problema xorde porque, segundo a resposta recibida pola Administración, o alumnado debe acceder ao comedor do centro que lle corresponde por zona de residencia. No caso destas familias, o centro de referencia é o CEIP A Cristina, que non dispón de servizo de comedor.
Deste xeito, as familias consideran que se está producindo unha situación discriminatoria e de desigualdade, xa que mentres outros nenos e nenas do municipio poden acceder ao servizo de comedor do seu centro de referencia, os seus fillos e fillas non teñen unha opción real de acceder a este servizo: o centro que lles corresponde por domicilio non dispón de comedor e, no centro no que están escolarizados, denégaselles a praza.
“Non entendemos que uns nenos teñen acceso ao comedor do seu centro de referencia e os nosos non teñen ningunha opción real simplemente porque o centro que lles corresponde por zona non dispón deste servizo”, explican as familias.
A esta situación súmase a resposta obtida ante as xestións da propia ANPA do centro, desde onde xa se solicitaron máis prazas de comedor para dar resposta á demanda existente. A resposta da Administración foi que non hai sitio físico para poder ofertalas, a pesar de que ano tras ano quedan nenos e nenas fóra do servizo, evidenciando un problema estrutural que se repite en cada curso.
As familias destacan ademais que a escolarización no CEIP Bergantiños responde, en moitos casos, ás necesidades de conciliación familiar e laboral. Ambos proxenitores traballan e necesitan contar cun servizo de comedor que permita compatibilizar os seus horarios coa atención dos menores.
Unha das familias afectadas xa presentou un recurso de alzada contra a denegación da praza de comedor e tamén trasladou o problema á Valedora do Pobo, que admitiu a queixa a trámite e iniciou actuacións ante a Consellería de Educación, requirindo información sobre a situación.
Ante a falta de resposta escrita, a familia realizou tamén unha consulta telefónica para coñecer se recibiría contestación. Segundo lle foi comunicado, a resposta sería que a normativa establece que os menores deben acudir ao comedor do centro de referencia, que non existe unha obriga de prestar servizo de comedor en todos os centros e que as prazas dispoñibles son limitadas.
As familias consideran que esta explicación non resolve o problema real: que alternativa se ofrece aos menores cando o seu centro de referencia non ten comedor e no seu colexio actual tampouco se amplían as prazas alegando falta de espazo?
“Non estamos pedindo un trato de favor nin queremos quitarlle a praza a ningún outro neno. O que pedimos é que se valore a nosa situación, porque non pode ser que uns menores teñen acceso efectivo ao comedor e os nosos queden sen ningunha alternativa real”, sinalan.
As familias reclaman que a Administración valore estas circunstancias e busque unha solución que permita garantir a conciliación familiar e laboral e evite unha situación que consideran discriminatoria respecto doutros alumnos do municipio.
As familias afectadas solicitan á Consellería de Educación que revise a situación e que busque unha alternativa real —ben sexa habilitando novos espazos ou reorganizando o servizo— para que o alumnado do CEIP Bergantiños que se atopa nesta circunstancia poida acceder ao servizo de comedor escolar.
