A pesar da elevada presenza de Garda Civil de Tráfico nas estradas, con apoio do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) con base en Pontevedra, por mor do cumprimento da normativa anti covid, sucederon varias imprudencias, polo que houbo un accidente en Fisterra, outro en Carballo e tamén foi detectada unha condutora circulando en sentido contrario pola AG-55, á altura de Coristanco.
As estradas da Costa da Morte volven a estar saturadas de tráfico, logo de varios meses de diferentes peches perimetrais debido a pandemia da covid-19. Na tarde deste sábado colisionaron por alcance un camión e unha furgoneta, en principio con só danos materiais, o accidente produciuse ao principio da rúa Berdillo en Carballo. A Policía Local tivo que regular o tráfico, así como instruir as correspondentes dilixencias. Máis complicado foi un sinistro ocorrido na coñecida como recta da anchoa en Fisterra. Unha persoa tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Cee, a requerimento do 112 Emerxencias Galicia, logo de sufrir un accidente co coche que conducía. Ao lugar tamén acudiron a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Fisterra. Unha ambulancia do 061 trasladou á persoa ferida ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee.