Varias ONGD galegas traballan nas fronteiras de Ucraína

2 minutes read

Ante as numerosas iniciativas de recollida de axuda para a emerxencia humanitaria de Ucraína, que demostra a boa vontade e gañas de colaborar da poboación galega, a Coordinadora Galega de ONGD (Coordinadora) recomenda decantarse por opcións sistematizadas e acaídas para unha situación de conflito bélico para garantir que toda esa onda solidaria vai ser útil á poboación ucraína.

Varias ONGD da comunidade galega xa están levando a cabo accións de axuda en diversos ámbitos (saúde, infancia, refuxio, acompañamento, alimentación…) nas fronteiras de Ucraína e cos seus países veciños. Agora mesmo, Médicos do Mundo, Entreculturas, Farmamundi, Axuda en Acción ou Educo, xunto as súas ONG amigas na zona, teñen equipos traballando nesta emerxencia.

Como organizacións expertas en cooperación internacional e axuda humanitaria, nestes momentos a Coordinadora quere tamén servir de canle e asesoramento para a cidadanía galega. Cómpre lembrar que a  mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona.

Consellos para axudar 

Preferiblemente, a Coordinadora anima a facer achegas económicas en non en especie.Os bens doados en especie en Galicia poden non ser axeitados ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística no terreo, que pode variar rapidamente en situacións de crise e debe ser avaliada constantemente. Ademais, supoñen custos e dificultades administrativas e  loxísticas adicionais (necesidade de embalaxe, trámites nas alfándegas suplementarios, datas de caducidade…). Polo tanto, resulta máis práctico comprar materiais sobre o terreo que activen a economía e emprego locais ou facendo uso de kits de resposta humanitarios estandarizados, no caso de que os produtos necesitados non estean dispoñibles localmente ou en países veciños. No caso das medicinas é imprescindible respectar as regulamentacións internacionais  para o seu envío e distribución.