Ante as numerosas iniciativas de recollida de axuda para a emerxencia humanitaria de Ucraína, que demostra a boa vontade e gañas de colaborar da poboación galega, a Coordinadora Galega de ONGD (Coordinadora) recomenda decantarse por opcións sistematizadas e acaídas para unha situación de conflito bélico para garantir que toda esa onda solidaria vai ser útil á poboación ucraína.
Varias ONGD da comunidade galega xa están levando a cabo accións de axuda en diversos ámbitos (saúde, infancia, refuxio, acompañamento, alimentación…) nas fronteiras de Ucraína e cos seus países veciños. Agora mesmo, Médicos do Mundo, Entreculturas, Farmamundi, Axuda en Acción ou Educo, xunto as súas ONG amigas na zona, teñen equipos traballando nesta emerxencia.
- Médicos do Mundo: https://www.medicosdelmundo.org/
- Entreculturas: https://www.entreculturas.org/es/home
- Educo: https://www.educo.org/landing/emergencia-ucrania
- Farmamundi: https://farmaceuticosmundi.org/solidaridad-con-ucrania/
- Ayuda en Acción: https://colabora.ayudaenaccion.org/espana/es/emergencia-ucrania
Como organizacións expertas en cooperación internacional e axuda humanitaria, nestes momentos a Coordinadora quere tamén servir de canle e asesoramento para a cidadanía galega. Cómpre lembrar que a mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona.
Consellos para axudar
Preferiblemente, a Coordinadora anima a facer achegas económicas en non en especie.Os bens doados en especie en Galicia poden non ser axeitados ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística no terreo, que pode variar rapidamente en situacións de crise e debe ser avaliada constantemente. Ademais, supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais (necesidade de embalaxe, trámites nas alfándegas suplementarios, datas de caducidade…). Polo tanto, resulta máis práctico comprar materiais sobre o terreo que activen a economía e emprego locais ou facendo uso de kits de resposta humanitarios estandarizados, no caso de que os produtos necesitados non estean dispoñibles localmente ou en países veciños. No caso das medicinas é imprescindible respectar as regulamentacións internacionais para o seu envío e distribución.