Varias praias galegas abrirán ao público cunha acreditación

  • A Xunta presentará a plataforma Praias Seguras de Galicia á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio

A Xunta de Galicia porá a disposición dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais.

A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima.

Nos vindeiros días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio. O obxectivo é facilitar mecanismos de apoio para poder afrontar en condicións de seguridade a previsible afluencia ás praias durante o verán e establecer á vez medidas que procuren evitar a propagación do COVID-19.

A comunidade galega conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas.

Galicia, destino seguro
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por impulsar Galicia como un destino “fiable e de calidade” para favorecer a recuperación do sector turístico e garantir a seguridade dos traballadores e usuarios. Lembrou que o Plan de reactivación recentemente presentado polo Goberno galego recolle un investimento de 5 millóns de euros en axudas públicas e formación dirixida a aqueles negocios que precisen acometer actuacións que se deriven da súa aplicación.

Declaracións do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha