A Policía Nacional arrestou este martes en Boiro varias persoas presuntamente relacionadas co alixo de 1.400 quilos de cocaína do Nuevo Furuno. O patrón e o tripulante do pesqueiro, detidos hai meses, tamén son desta localidade do Barbanza.
Segundo fontes policiais, axentes da UDYCO e do GRECO Galicia fixeron rexistros en vivendas de Boiro e prenderon varias persoas.
Os arrestados foron trasladados a dependencias policiais pendentes de pasar a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión.
O apresamento do pesqueiro Nuevo Furuno produciuse en agosto no porto de Santa Mariña, en Camariñas.
Nas adegas ocultaba 1.400 quilos de cocaína. Daquela detiveran o seu único tripulante que estaba no barco cando comezou a operación.
O patrón e dono do pesqueiro fuxiu inicialmente e foi detido o 1 de decembro tamén en Boiro. Os dous vivían desde había pouco en Camariñas pero eran desta localidade do Barbanza.