Varios barrios da Coruña celebrarán este domingo o Día do Deporte

Ayuntamiento de A Coruña

  • O evento, anteriormente chamado Día do Deporte na Rúa, acollerá máis de 60 disciplinas deportivas

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou este mércores o Día do Deporte na cidade, un evento ao aire libre que este domingo converterá a cidade da Coruña nunha gran praza pública para a práctica deportiva. Nesta edición, o evento descentralizarase en nove zonas de actividades distintas que servirán de escaparate do deporte para toda a cidadanía e nas que se seguirán estritas medidas de seguridade.

Coñecido anteriormente como o Día do Deporte na Rúa, o Concello recupera este evento co fin de «fomentar a práctica, neste caso, de máis de 60 especialidades». O Goberno de Inés Rey entende que citas como esta son unha aposta pola cultura do deporte para todos, agradecendo así «a implicación das 76 entidades deportivas ou empresas que participarán na xornada», sinalou a edila, que tamén destacou a achega decisiva de Carrefour, Desarrolla e Coca Cola como patrocinadores e a participación de Cruz Vermella, Protección civil e dos voluntarios de distintas concellarías.

A xornada desenvolverase de 11:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 19:00 horas na Cidade Deportiva A Torre-Arsenio Iglesias, Pista de Durmideiras, Pista de Petanca Santo Amaro, os Xardíns de Méndez Núñez, Cidade Deportiva de Riazor, a Casa da Auga, a praza de San Pablo, a praza de Tabacos e a praia de Oza.

A concelleira apuntou que a cada inscrito se lle entregará un Carné do Deportista que se irá selando en cada un dos nove puntos de actividades se o participante supera a actividade nun tempo prudencial. Ao completarse a primeira fila con tres selos, cada participante recibirá unha camiseta e poderá participar nun sorteo de agasallos. Por cada fila completada, poderá optar a un novo sorteo con mellores agasallos. O resultado final publicarase na web municipal de Deportes e comunicarase telefonicamente ós galardoados. Os premios que non sexan recollidos antes de 30 días naturais serán doados a algunha entidade benéfica da cidade.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha