Varios centros escolares ofrecen máis de 1.600 menús de Nadal


Unha decena de centros escolares galegos reparten máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios da comunidade para que poidan confeccionar menús de Nadal a preto de 1.650 rapaces. A iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario atopan saída nas principais cadeas de distribución.

En total, repartiranse 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel. Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a indicativos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

En concreto, serán oito centros escolares os que recibirán estas producións para elaborar os seus menús de Nadal desde este luns 13 de decembro e o vindeiro martes 21, tendo lugar a meirande parte dos xantares ao longo da vindeira semana.

Así, na provincia da Coruña, beneficiaranse o colexio Os Muíños de Muxía e o Vicente Otero Valcárcel de Carral, mentres en Pontevedra contarán con produto o Domingo Fontán de Portas e o centro Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. Na provincia de Lugo, poderán elaborar menús de Nadal con producións galegas de calidade os colexios plurilingües do Páramo e Riotorto, mentres na provincia de Ourense serán o centro Antonio Faílde de Coles e o Carlos Casares de Xinzo da Limia.