
A traxedia material volveu a producirse este venres nun soto dun edificio da rúa río Tambre en confluencia coa avenida da Milagrosa en Carballo. O pasado mércores día 4 ás 15:30 horas, un devastador incendio nun vehículo, que ao final afectou a varios, puxo en alerta aos servizos de emerxencia, ao lugar acudiron varias dotacións de Bombeiros, así como a Policía Local e a Garda Civil, que procederon a cortar a rúa para levar a cabo os labores de extinción.
Pasados uns minutos das dúas da tarde deste venres día 6 volveron a saltar as alarmas no mesmo punto, unha densa fumareda acompañada de pequenas explosións alteraron a normalidade no lugar, de novo acudiron en auxilio as mesmas dotacións de medios de seguridade.
Os Bombeiros de Carballo localizaron o coche mediante unha cámara térmica e cunha liña de auga de alta presión sufocaron o lume, pero nada puideron facer para que este queda esnaquizado pasto das chamas. Acto seguido procederon a realizar unha ventilación forzada do garaxe e a balizar o acceso por orde da Policia Local.
As forzas e corpos de seguridade tratan de determinar as causas desta fatal coincidencia e non descartan ningunha hipótese sobre o ocorrido. Os veciños do edificio e da zona están indignados, afirman que no garaxe gardan os vehículos a maioría das persoas residentes no inmoble.