Varios detidos e máis de 1.500 quilos de cocaína aprehendidos na Pobra do Caramiñal

1 minutes read

Liderados pola Brigada Central de Estupefacientes e co apoio de efecctivos das comisarías de Pontevedra e Ribeira, decenas de axentes da Policía Nacional uniformados e tamén de paisano interceptaron, de madrugada, unha partida de cocaína de máis de 1.500 quilos, que estaba a punto de ser trasladada desde «unha gardería» situada na Pobra do Caramiñal, a un lugar que polo de agora non transcendeu. Os catro detidos na operación están vinculados ao clan da zona, todos eles da comarca do Barbanza. O operativo da Policía Nacional tamén localizou un home de orixe croata canda o cargamento que ía ser transportado, un elemento clave que indica que, outra vez, o cártel dos Balcáns parecer ser unha alianza directa dos narcos galegos. A operación permanece aberta e na tarde deste sábado os axentes continuaban cos rexitros preto da praia do Cunchido.

Aprehendidas tamén 243 plantas de marihuana en tres plantacións en Negueira de Muñiz

Noutra operación, a Garda Civil aprehendeu 243 plantas de marihuana en tres plantacións localizadas no concello lugués de Negueira de Muñiz, nun operativo policial que se desenvolveu o pasado xoves pola tarde. As plantas, segundo informa o instituto armado nun comunicado, estaban situadas a distintos niveis do terreo e dotadas de sistema de rega; parte delas alcanzaban os tres metros de altura. A Garda Civil sinala que con esta operación reforza o seu labor de prevención e persecución do cultivo e distribución de substancias estupefacientes, especialmente naquelas actividades vinculadas ao establecemento de plantacións destinadas á súa posterior distribución.