- O artefacto explosivo foi colocado xunto a un valo do perímetro do Gran Museo Exipcio
Polo menos unha decena de persoas resultaron feridas este domingo durante unha viaxe turística en autobús, cando unha bomba estalou preto do Gran Museo Exipcio do Cairo, que aínda non fora inaugurado.
Tres turistas foron hospitalizados por «precaución», aínda que só sufriron «feridas leves», segundo explicou en Twitter a ministra exipcia de Turismo, Rania al Mashat.
A televisión estatal indicou que o autobús, que levaba a 25 turistas surafricanos, tiña varios cristais rotos debido a unha explosión dun artefacto «non identificado» colocado xunto a un valo do perímetro do Gran Museo Exipcio. Este edificio sitúase preto das Pirámides de Giza, un lugar moi frecuentado por turistas.