Asociacións de hostaleiros de Pontevedra, A Coruña e Lugo anunciaron a presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a orde que obriga ao peche de establecementos de lecer nocturno. Segundo confirmaron, a decisión de acudir aos tribunais e recorrer esa orde da Consellería de Sanidade do pasado 14 de agosto débese a que consideran a medida «desproporcionada», e piden deixala sen efecto.
Estas organizacións lembraron que o sector do lecer nocturno «é unha das actividades empresariais e económicas que está a sufrir as peores consecuencias da crise do coronavirus» e lamentaron que se está «proxectando na poboación unha imaxe negativa» da súa actividade. Denunciaron que se lles está «culpabilizando de boa parte das repuntas» da covid-19, a pesar de que o sector «levou a cabo escrupulosamente todas as medidas sociais, hixiénicas e de seguridade que indicaron en todo momento as autoridades sanitarias».
Decidiron acudir aos tribunais para reclamar a reapertura dos seus negocios, porque o peche supón unha situación «insustentable» que producirá «perdas económicas irreparables».