As informacións falan de polo menos 68 mortos e varios feridos ao chocar este mércores dous trens e desprenderse dous vagóns por un terraplén en Urda, Toledo, segundo confirmaron fontes de Renfe. A circulación na liña de alta velocidade Madrid-Andalucía quedou «interrompida» en ambos os sentidos tras o ocorrido, segundo precisou o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif). O accidente foi sobre as 8.30 horas no punto quilométrico 118, entre un tren AVE de Renfe con 393 pasaxeiros a bordo e outro da compañía Iryo con 147, que cubrían o traxecto Madrid-Sevilla. «Un tren de alta velocidade golpeou a outro por detrás en sentido sur, ían a Andalucía», indicou Adif. No lugar están a traballar efectivos do parque de bombeiros de Alcázar de San Juan e Orgaz, Protección Civil, tres helicópteros sanitarios e dúas UVI. Fontes de Renfe sinalabann que enviaran xa persoal cara ao lugar do sinistro e confirman que a compañía habilitaba cambios e anulacións de billetes para os pasaxeiros afectados.
Máis de 300 efectivos da Garia Civil estiveron despregados na zona do accidente ferroviario. O obxectivo prioritario foi facilitar a mobilidade, o traslado das persoas feridas, os rescates e a identificación das vítimas.
As primeiras hipóteses apuntan a un posible erro humano, aínda que as causas exactas aínda non se confirmaron. Segundo a información facilitada por Adif, no momento do accidente circulábase nese tramo cun sistema de sinalización alternativo, coñecido como Bloqueo de Sinalización Lateral (BSL), debido a unha avaría no sistema principal de sinalización e protección, o LZB. Este sistema alternativo segue detectando que tramos de vía están ocupados, pero non ofrece a mesma supervisión continua da velocidade e a distancia de seguridade.
Fontes do Goberno situaban a orixe do accidente nesa avaría do sistema LZB e a súa causa nunha orde equivocada posterior. Segundo aseguran, «ao fallar o sistema de seguridade, detivéronse uns oito trens na zona, despois ordenóuselles arrincar pero o Iryo non puido facelo e quedou detido». A continuación, «un operario do centro de control de Atocha, segundo as primeiras análises, deu a orde por erro ao tren Renfe de continuar a pesar de que o Iryo estaba a obstaculizar a vía». As mesmas fontes subliñaban que «as investigacións proseguen, pero estas son as primeiras análises dos técnicos».
O ministro de Transportes, Óscar Puente, compareceu ao fío das 15.00 horas para explicar que ao redor das 8.30 produciuse a caída do sistema de seguridade LZB «como consecuencia dun fallo de comunicación de tres computadores da rede nun tramo de 63 quilómetros» e, posteriormente, o centro de control de Adif tomou a decisión de renovar a marcha «cun tren detido e un sinal vermello á entrada da estación Urda».
O ministro engade que é «inexplicable» que nesas circunstancias se tomase a decisión de que o AVE renovase a marcha «con normalidade». «Esa é a decisión errónea que se toma desde o centro de control e é a orixe do accidente», dixo, para engadir que un accidente por alcance na rede ferroviaria española é «un accidente verdadeiramente inverosímil».
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareceu desde o lugar do accidente onde dixo que «non é asumible para un país como España sufrir dous accidentes de alta velocidade» nun ano, para engadir: «Imos chegar ata o final e se houbo neglixencias responderase con contundencia».
O rei Felipe VI lamentou o «terrible accidente» e expresou o pésame aos familiares das persoas falecidas, así como a súa «tristeza, apoio e cariño» en «un momento tan duro» e «tan difícil».
Fátima Báñez, a exministra que xestionou a reforma laboral do PP e presidía a Fundación CEOE, está entre os desaparecidos.
A exministra de Emprego e Seguridade Social Fátima Báñez atópase entre as persoas desaparecidas tras o accidente ferroviario ocorrido este mércores na provincia de Toledo. A política viaxaba nun dos trens afectados pola colisión entre un convoi de Renfe e outro de Iryo, na contorna de Urda e Los Yébenes, cando se desprazaba desde Madrid ata Sevilla para asistir a un acto organizado pola Confederación de Empresarios de Andalucía (CEA).
