Centos de persoas corren nas pistas do aeroporto de Kabul coa esperanza de subir a bordo dun avión do Exército estadounidense que se dispón a despegar e marcharse moi lonxe dun país a mercé dos talibáns. Varias persoas morreron este luns mentres tentaban acceder a un destes aparellos. Polo menos dous, caeron dun avión en marcha, e outras tres faleceron por disparos tras unha confusa refrega entre un talibán e militares estadounidenses.
O pánico e o caos do aeroporto contrastan coa aparente calma que reina nas zonas controladas polos talibáns. Os seus portavoces insisten en que non tomarán represalias contra a poboación, aínda que hai noticias de saqueos e abusos por parte dos seus milicianos nalgunhas localidades.
Tras 20 anos de guerra, os talibáns tomaron Afganistán en apenas uns días e case sen disparar un só tiro. O Exército afgán, varias veces superior en número, pero moi desmoralizado pola retirada das tropas estadounidenses, fuxiu despavorido ante a súa presenza… como tamén o fixeron decenas de miles de persoas de todo o país que buscaron un refuxio imposible na capital.