Varios problemas de saúde por bañarse nas balsas do monte Neme

1 minutes read
  • A antiga mina de wolframio é moi popular polas súas augas turquesas, pero bañarse nelas pode ter graves consecuencias para a saúde debido á contaminación

Nos últimos días creceu a alarma porque algúns influencers e instagramers inmortalizaron os seus baños nas turquesas augas das balsas formadas na antiga mina de wolframio do monte Neme facendo caso omiso dos problemas de saúde que isto pode carrexar. Unha das influencers, Uxía, tras sufrir unha reacción alérxica durante dúas semanas aseguraba que o pasara «un pouco mal, si, pero a foto o valía». A pesar da súa aparencia idílica que nos traslada ao Caribe, desaconséllase o baño. A presenza de minerais tóxicos procedentes da mina como chumbo ou aluminio poden afectar á nosa saúde.

Manuel Ferreiro, médico adxunto do servizo de urxencias do CHUAC asegura que «se nos bañamos puntualmente o máis probable son problemas oculares e irritativos, irritación das mucosas oculares e irritacións cutáneas. Se é dunha maneira prolongada e inxerimos algo de auga, fundamentalmente trastornos dixestivos, vómitos e posteriormente diarrea. Se é un baño curto non sería grave.

O problema destas balsas é a filtración deses metais pesados a augas subterraneas e que iso chegue a un consumo dos habitantes da zona en traídas de auga». Alguén debería exporse a selar eses pozos da zona de Aviño-Malpica, que foron abertos hai unha década para a extracción masiva de áridos, do mesmo xeito que a concesionaria no seu día encheu a zona da entrada á mina por Cances-Carballo.