Varios solares e edificios da Revolta quedan sen acceso e illados pola nova senda

Tal e como se aprecia na fotografía, solares e edificios quedan illados, sen acceso previsto coa estrada comarcal.

A senda que enlaza Carballo con Coristanco xa está moi avanzada, de forma que xa se perfila cal será o seu estado definitivo. Fai cuestión de semanas algún particular e mesmo algún propietario de negocio de hostalería queixábanse e non entendían como podían quedar sen acceso aos seus establecementos ou parcelas, comprobando que o proxecto inicial da obra se modificara nalgún punto.

Agora, segundo vai avanzando a obra, as queixas veciñais séguense sucedendo, en base a que outras edificacións e solares tamén quedan sen acceso á AC-552. Un dos casos que chama poderosamente a atención, pola súa antigüidade e o seu volume de construción, é a antiga sala de festas A Revolta, un solar de máis de tres mil metros cadrados e máis de dous mil construídos que se quedou sen acceso. Certo é que a día de hoxe está en desuso ou en estado de abandono, pero como este hai outros moitos aos que se lles dotou dunha rampla de acceso.

Algúns dos veciños e propietarios consultados afirman que nin a Xunta, nin a empresa construtora lles fan caso, polo que están a pensar en acudir á vía xudicial para ser atendidos das súas demandas.